Proxección histórica mañá de Killer of Sheep

14 Abr 2016
Charles Burnett Play-Doc

Chega un dos grandes momentos de Play-Doc 2016. Mañá comeza o ciclo que lle dedicamos ao cineasta Charles Burnett, coa proxección do seu filme de culto Killer of Sheep ás 23 horas. Esta película é a pedra que cimentou o movemento L.A. Rebellion, conxunto de cineastas afroamericanos dos anos setenta e oitenta que intentaron representar as súas comunidades con xustiza e fóra dos estereotipos de Hollywood. Burnett é a figura seminal deste grupo, e Killer of Sheep a súa película máis celebrada. Para críticos de referencia como Jonathan Rosenbaum, trátase do cineasta de cor máis importante da historia dos Estados Unidos.

O sábado e o domingo continúa a retrospectiva, e farase a presentación do libro Charles Burnett. Un cineasta incómodo. Volume enteiramente dedicado á súa obra, inclúe unha longa entrevista de máis de 70 páxinas, que lle fixemos en Los Ángeles hai uns meses, e un conxunto de artigos de especialistas sobre a súa obra. Como complemento, o ciclo Avant-Gutter permítenos descubrir xoias do cinema afroamericano recente, cunha clara influencia de Burnett. Mañá abrimos as sesións da tarde, ás 17:30, co último filme de Billy Woodberry, discípulo de Burnett; que recupera en When I Die I Won’t Stay Dead os aspectos máis descoñecidos do poeta beat Bob Kaufman.

Outra das protagonistas do día será a galega Keina Espiñeira, que estrea en España Tout le monde aime le bord de la mer, logo de ter sido seleccionada como finalista para os premios do cinema europeo no festival de Rotterdam. Proxéctase xunto a outro filme galego de longo percorrido internacional, Ou-est la jungle? de Iván Castiñeiras, producido no prestixioso centro francés Le Fresnoy.

A sección oficial continúa cun dos filmes españois de máis impacto e mellores críticas en festivais internacionais nesta tempada, Dead Slow Ahead de Mauro Herce; unha epopea nun cargueiro que cruza o Atlántico, de grande carga pictórica e política. God Bless the Child é o outro filme a competición da xornada.

Como colofón, o polémico filme Of the North, censurado en Canadá por suposto racismo. Retrato dos inuit (un pobo esquimó) a base de vídeos de YouTube, é unha desas películas que non deixa indiferente a ninguén.

, , , , , , , , , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest