Play-Doc e R estrean o filme inédito de Les Blank sobre o músico Leon Russell

5 Abr 2016
Leon_Russell_a_poem

Play-Doc Festival Internacional de Documentais, traerá a Tui este ano, do 13 ao 17 de abril, os filmes musicais de Les Blank, “o grande trovador do folclore norteamericano no cinema de non ficción”, como explicou esta mañá en rolda de prensa a directora do festival Sara García, xunto ao director Ángel Sánchez; e Alfonso Martínez, Responsable de Contidos de televisión do operador de fibra óptica R.

“Autor referencial no xénero do documental musical”, indicou García, Les Blank conta na súa carreira con varios retratos de importantes artistas da música popular norteamericana. O certame dedicaralle un ciclo – que tamén poderá verse na canle de R Play-Doc TV – aproveitando a importante estrea en España de A Poem is a Naked Person. Película inédita que se prohibiu no seu lanzamento en 1974, para non volver ser exhibida por polémica en torno a controvertidos aspectos da vida privada de Leon Russell, o músico que retrata; é un dos seus filmes máis salientables.

Russell é un dos máis grandes nomes da música popular estadounidense. Na época na que Blank o seguiu coa súa cámara, entre o 72 e o 74, viña de gravar con importantes figuras como Eric Clapton ou Bob Dylan, e a súa música estaba a experimentar unha importante evolución entre a tradición do country, o rythm & blues máis enérxico e as novas tendencias do folk rock. Por todo isto, A Poem is a Naked Person é un verdadeiro monumento a este músico, nun dos momentos máis importantes da súa carreira; unha película que, nos últimos meses, dende a súa recuperación, xa foi descrita por algúns como a mellor cinta sobre rock da historia.

A persoa responsable de resucitala é Harrod Blank, fillo de Les, “que lle prometeu a seu pai antes de morrer, que faría todo o posible porque o filme vise finalmente a luz”, indica García. El visitará Play-Doc para presentar a película, xunto ás outras producións do cineasta The Blues Accordin’ to Lightin’ Hopkins (1969), A Well Spent Life (1971) e Always for Pleasure (1978). Mentres que as dúas primeiras son “honestos e intensos retratos”, en palabras da directora do Play-Doc, dos bluesmen Lightin’ Hopkins e Mance Lipscomb; “a última cóntase entre os traballos máis destacados de Blank”. Nela, segue as celebracións do Mardi Gras e o San Patricio en Nova Orleáns, internándose nas tripas desas festas e inmortalizando os traballos de músicos de grande calado como Professor Longhair, os Neville Brothers ou Allen Toussaint.

Todos estes filmes poderán verse en aberto a partir do 11 de abril ata o 18 en Play-Doc TV, a canle especializada do festival no servizo de televisión de R. Todos os clientes de R poderán acceder de xeito exclusivo a estes filmes e a un amplo catálogo de títulos de cinema documental que o certame engade cada mes nas súas programacións, “co mesmo afán de dar a descubrir un cinema fresco, innovador e independente, que ten o festival”, indicou Sánchez, que destacou a aposta de R “por unha canle especializada, con filmes de autor libres e de calidade”.

Martínez quixo poñer tamén en valor o proxecto de Play-Doc TV, e comentou o afianzamento da relación entre o festival offline e a súa versión televisiva, que facilita o acceso aos contidos en toda a xeografía galega e a súa dispoñibilidade baixo demanda. Destacou ademais a importancia da estrea e a posibilidade de acceso gratuíto a este ciclo por parte de todos os clientes de TV de R, “extendendo a festa do cinema desde Tui a toda Galicia” na semana do 11 ao 18 de abril.

, , , , , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest