O crítico e cineasta Paulino Viota será o protagonista do noso seminario de 2016

2 Mar 2016
Paulino-Viota

Ábrese a convocatoria, ata o 3 de abril, para participar no seminario de crítica da edición 2016 de Play-Doc. Como xa aconteceu o pasado ano con Gabe Klinger e a súa Double Play, o festival volverá acoller un seminario cun crítico e cineasta, que nos mostrará as súas dúas facetas no festival. O santanderino Paulino Viota mostrará, dunha banda, Contactos, unha das películas independentes máis emblemáticas dos anos setenta. Visto dende a distancia, este filme eríxese como un dos máis representativos dos anhelos de cambio do cinema underground español da época. Viota explicará na sala como naceu, e la relación que garda coa cinta logo de tantos anos xa lonxe da dirección, e centrado na docencia.

Adicionalmente, o autor impartirá un curso titulado “O documental e a ficción”, centrado na narrativa destes dous modos de contar; ofrecendo un caso de estudo con filmes de Robert J. Flaherty, F.W. Murnau e Howard Hawks. Viota porá diversos exemplos de como o documental sempre habitou na ficción e viceversa, xa dende o cinema clásico; analizando a estrutura de películas como Moana, Tabú ou Hatari! A matrícula do curso está aberta ata o 3 de abril, e ten un custo de 30 euros. Esta inclúe un pase completo para o festival, co que os alumnos poderán asistir a todas as sesións do certame. Tamén ofrece descontos en aloxamentos de Tui (preguntar por correo). Os interesados deben enviar un correo electrónico a prensa@play-doc.com no prazo correspondente, e realizar o ingreso de 30 euros, para que a matrícula sexa efectiva.

Aberto a todo tipo de perfís, pero pensado sobre todo para críticos novos, o seminario inclúe unha sesión sobre escritura de críticas e crónicas cinematográficas, impartido polo editor de www.acuartaparede.com Iván Villarmea. Os alumnos que o desexen, poden acudir tamén a esta sesión, na que se darán unhas claves sobre crítica cinematográfica e se ofrece a posibilidade de escribir a modo de práctica unha crítica ou crónica sobre o festival, nesta revista especializada.

O seminario terá lugar en instalacións do Teatro Municipal de Tui. A continuación, o horario do curso e un texto de Paulino Viota sobre o mesmo:

  • Venres 15 de abril – 10:00 – 14:00 – Xornada de visionado de escenas dos filmes que se analizarán no seminario.

  • Sábado 16 de abril – 10:00 – 14:00 – 1ª xornada: 1) Moana (1926) / Tabú (1931)

  • Domingo 17 de abril – 11:00 – 13:00 – 2ª xornada: 2) Hatari! (1962)

  • Domingo 17 de abril – 13:00 – 14:00 – Sesión sobre crítica cinematográfica.

1ª xornada: Dous exemplos extremos, dous polos opostos no tratamento dun mesmo motivo, na descrición dun mesmo mundo, unha mesma sociedade, a de Polinesia.

Un caso límite da actitude documental:

Robert Flaherty (1884-1951), verdadeiro fundador do cinema documental con Nanuk el esquimal (1922), pai indiscutible de toda a tradición da captación da realidade tal cal é, roda xunto coa súa esposa na illa de Savai’i, do arquipélago de Samoa, Moana (nome do protagonista masculino), convivindo cos habitantes do lugar, para empaparse das súas formas de vida, dende abril de 1923 ata decembro de 1924.

Un caso límite da actitude de creación dunha ficción:

F. W. Murnau (1888-1931), que rodou en Alemaña Nosferatu (1922), El último (1924), considerada entón a mellor película do mundo, pola súa expresividade puramente visual, e Fausto (1926), e ao que contrataron en Hollywood, para que faga a obra mestra do cinema americano e fixo Amanecer (1927), é convencido por Flaherty, que, como toda a xente do cinema, admírao sen reservas, para facer xuntos unha nova película en Polinesia, unha nova Moana, que incorpore a sabedoría cinematográfica sen igual do alemán.

O resultado será Tabú, rodada en Bora Bora e Tahití, na Polinesia francesa, entre xaneiro e outubro de 1930.

Aínda que hai 1.500 millas de distancia entre Samoa e Tahití, ambas as dúas películas tratan dun mesmo tipo de sociedade, dun mesmo ámbito cultural. Estamos, pois, ante un caso único na historia do cinema: dúas obras de dous dos máis grandes cineastas, que mostran posicións opostas, dun uso radical do documental e dun uso igualmente radical da ficción, sobre similares personaxes e ambientes. Estamos ante un material que se diría feito a propósito, a medida para a reflexión no noso seminario sobre as diferencias, e as semellanzas tamén, entre ambos os dous conceptos do cinema, con todo o que iso implica, dende as formas de utilización da creatividade, ata a relación cos personaxes e os colaboradores, a construción da narración, a utilización dos recursos cinematográficos (fotografía, montaxe…) e todo o que se nos poida ocorrer.

2ª xornada: Hatari! é unha obra mestra singular, porque sendo unha película de ficción, en realidade está construída sobre unha alternancia moi marcada, case poderiamos dicir sobre unha dialéctica, entre secuencias documentais de caza de animais salvaxes vivos en diferentes lugares de Tanzania e secuencias propiamente de ficción. Howard Hawks (1896-1977), o director, sempre estivo moi interesado por integrar elementos reais do traballo dos seus personaxes cando este é perigoso e espectacular. Hatari! é a culminación dunha recreación documental que ten outros fitos, por exemplo, en Avidez de tragedia (1932, as carreiras de autos), Pasto de tiburones (1932, a pesca do atún) ou Río Rojo (1948, o transporte de gando).

Na nosa sesión, estudaremos a estrutura, a construción da película. Como, cunha sabedoría digna do máis refinado compositor musical, Hawks organizou a alternancia entre as partes documentais e as de ficción, para desenvolver no tempo, na sucesión que é toda película, unha narración matemática, feita dos ritmos da vida, da alternancia natural dos días e as noites que se articula coa tensión das cacerías documentais e o melódico sosego da convivencia dos personaxes de ficción”.

Paulino Viota

BREVE BIOGRAFÍA DE PAULINO VIOTA

Nado en Santander, en 1948.

Director, ademais de guionista e produtor, de:

Mediometraxes:1966 Las ferias

1966 José Luis

1967 Tiempo de busca

1968 Fin de un invierno

1970 Duración

1975 Jaula de todos

Longametraxes: 1970 Contactos

1978 Con uñas y dientes

1982 Cuerpo a cuerpo

Dende 1988 dedicouse á ensinanza cinematográfica, dando cursos ou seminarios en Universidades –por exemplo, a de Valladolid ou a Pompeu Fabra-, en escolas de cinema –coma el C.E.C.C. ou “Banda aparte”- e noutras institucións.

Publicou:

1980 Historia del cine militante en España (folleto)

2004 Jean-Luc cinéma Godard

e artigos en varios libros colectivos e en revistas como “Contracampo”, “Archivos de la Filmoteca”, “Trama & fondo” e “Cahiers du cinéma” (España).

, , , , , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest